Filtran centos de millóns de credenciais de usuario de páxinas web de carácter sexual

luns, 14 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Hai preto dun mes investigadores de seguridade informática deron conta que a páxina web Adult Friend Finder padecía certas vulnerabilidades que podía deixar expostos os datos dos seus usuarios, o que podería provocar grandes problemas na liña do que aconteceu o ano pasado coa célebre web Ashley Madison, tamén dedicada á facilitar encontros sexuais.
Dende LeakedSource dan conta do alcance da filtración dos servizos para adultos da rede de Friend Finder, dos que 339.774.493 usuarios corresponderían a Adult Friend Finder, e sumando outros servizos de carácter sexual chegaríase aos 412.414.295 usuarios afectados, volume realmente impresionante, e sería unha das maiores filtracións de datos de usuarios rexistradas até o momento.
Desta volta, e dada a natureza dos datos filtrados, dende LeakedSource decidiron non ofrecer un buscador na súa páxina web para que os usuarios puidesen consultar se a súa información está dispoñible entre o enorme volume de datos filtrados, principalmente para evitar que se aproveitase para atentar contra a intimidade dos usuarios afectados.
Un dos detalles máis preocupantes da filtración é que na meirande parte dos casos (o 99%) os contrasinais das páxinas web da rede de Friend Finder atópanse en texto plano, ou sexa, que xa conseguiron crackear os contrasinais que, como en anteriores filtracións, demostraron ser pouco seguros, abundando a presenza de contrasinais tipo 123456. Os usuarios que tiveran conta en AdultFriendFinder, Cams.com, Penthouse.com, Stripsho.com e iCams.com deberían procurar mudar o seu contrasinal nos seus servizos principais, especialmente se existe a posibilidade de que fose o mesmo que o empregado nas páxinas web afectadas.

PUBLICIDADE