Filtran á Rede o número de teléfono de ducias de famosos

martes, 27 de novembro do 2012 Marcus Fernández

A listaxe publicada en Pastebin inclúe os números de teléfono de numerosas celebridades

A polémica que xurdiu tras a publicación de Paula Vázquez do seu número de teléfono a través de Twitter vai quedar en nada se o comparamos a unha nova filtración de números de teléfonos de celebridades que vén de difundirse, e que estaría no contorno dos 81 afectados. Coméntase que a fonte de todos estes números de teléfono podería ser o terminal do xornalista deportivo Pipi Estrada, que tería sido supostamente pirateado para publicar na Internet (no servizo Pastebin) parte da súa axenda telefónica que inclúe nomes como Kiko Hernández (quen asegurou ter recibido xa preto de 3.000 chamadas), Aída Nízar (que superaría as 9.000 chamadas recibidas), Alessandro Lecquio, Bárbara Rey, Chenoa, Mario Vaquerizo, Sara Montiel e os colaboradores do programa Sálvame de Telecinco. Tamén se comenta que é posible que a filtración teña como orixe un móbil extraviado dun redactor de Telecinco.
Aínda que boa parte dos integrantes da listaxe filtrada á Rede confirmasen que están a recibir chamadas de persoas que non coñecen, noutros casos confírmase que o número publicado non se corresponde co da persoa que figura na listaxe.
Esta filtración chega xusto despois dunha liorta en Twitter de Pipi Estrada cun popular usuario de Forcoches coñecido como Berlustrolling, quen asegura non ter nada que ver coa publicación dos números telefónicos na Internet e, de feito, incluso recibiu ameazas do xornalista deportivo a través de Twitter, e actualmente está a facer un seguimento dos últimos feitos agardando que non o salpiquen, aínda que as insinuacións de Estrada sobre unha suposta investigación policial dos feitos parecen ser falsas, por non terse interposto aínda ningunha denuncia ao respecto.
Sobre dicir que a publicación de datos de carácter persoal sen consentimento non é legal en España, pero localizar a fonte da filtración pode resultar moi complexo.

PUBLICIDADE