Filtran 1 millón de identificadores de dispositivos móbiles de Apple

martes, 4 de setembro do 2012 Marcus Fernández

O principal uso dos identificadores de dispositivos móbiles de Apple é para facilitar a recepción de notificacións

En marzo de 2012 o ordenador portátil dun axente especial do FBI, Christopher K. Stangl veu vulnerada a súa seguridade, comprometéndose datos de 12.367.232 dispositivos móbiles de Apple, incluíndo o seu identificador de dispositivo, número de teléfono, código postal, enderezo... e desta información o grupo AntiSec vén de publicar na web unha listaxe cun millón destes rexistros (sen incluír datos persoais), suxerindo que o FBI utiliza este tipo de información para rastrexar aos cidadáns. Polo momento resulta imposible confirmar se a información filtrada provén realmente do FBI, e se é certo que se emprega para facer un seguimento dos cidadáns, pero este incidente queda como un exemplo máis dos problemas de seguridade aos que estamos expostos e da facilidade coa que pode facerse un seguimento da nosa actividade dende dispositivos que contan con elementos que serven para identificalos.
ACTUALIZACIÓN: O FBI nega que os datos filtrados proveñan dun dos seus equipos informáticos.

PUBLICIDADE