Filmotech.com renóvase e aposta forte polo streaming
luns, 9 de marzo do 2009
O portal Filmotech.com,
inaugurado en 2007 co firme obxectivo de permitir descargas legais de películas
e de ofrecer unha alternativa eficaz fronte á pirataría, vén de renovar o seu
servizo ofrecendo unha nova sección de descarga de contidos, a través da cal, os
usuarios poden acceder a máis de mil obras audiovisuais do seu catálogo por
menos de 2 euros (1,74 euros) cada unha.
Esta nova versión de Flmotech responde, segundo os seus
máximos responsables, “á necesidade de
incorporar as últimas tendencias no consumo de Internet” así como á
intención de adaptarse ás suxestións que os propios usuarios lles facían
chegar.
O novo servizo, que é compatible con tódolos navegadores e
sistemas operativos (tanto Windows como Linux ou Mac, entre outros), ofrécelle
aos internautas a posibilidade de gozar do “cine
á carta”, ou VOD (Video on Demand), dende calquera ordenador e permite o
visionado das descargas efectuadas (películas, curtas, documentais, series de
animación…) durante un total de 24 horas, podendo velas as veces que se desexe.
Baixo o lema, O teu
cinema a un clic, Filmotech ofrece
máis de mil títulos de todos os xéneros do cine español (máis do 60 por cento
do total), europeo, estadounidense e asiático que, nalgúns casos, non é doado
atopar noutras plataformas.
Porén, os usuarios da web, que non precisan estar
rexistrados para descargar os contidos que desexen visualizar, poden acceder a
case todo tipo de cintas de xeito doado e realizar o pagamento mediante a
modalidade que mellor lle conveña, podendo escoller entre catro: a través dunha
mensaxe de texto (sms), dunha chamada a un 905, con tarxeta de crédito ou
mediante a plataforma de pagamento PayPal.
Asemade, Filmotech.com ofrécelle aos seus usuarios a
posibilidade de escoller entre dúas calidades de visionado, 400 e 700 Kbps, en
función do largo de banda do que dispoña, así como realizar unha proba práctica
para comprobar cal das dúas é a máis conveniente.
No caso das curtametraxes, o servizo oferta un paquete de
tres filmes ao mesmo prezo que o resto de contidos (1,74 euros) e tamén lle
ofrece ao usuario a devandita elección de calidade de visionado que máis lle
conveña en cada caso.
A nova versión da web ofrece pois, entre outras cousas, un Modelo Streaming de visionado,
compatibilidade con tódolos sistemas operativos, un maior catálogo de películas
que medra progresivamente a un ritmo de 40 títulos ao mes, unha nova imaxe máis sinxela e navegable, novas
modalidades de pagamento e maior diversidade de contidos para o deleite dos seguidores
do cine de calidade.