Fibra óptica a esgalla para o Festival de Paredes de Coura

xoves, 23 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O Festival de Paredes de Coura xa se nos vén enriba, e somos moitos xa os que levamos un tempo tachando días no almanaque á espera da apertura das portas do que moi probablemente sexa un dos mellores e máis completos acontecementos musicais do noso país irmán e de boa parte do estranxeiro. Pois ben, este ano non só os campistas (que teñen servizo de acampada de balde, con todas as comodidades posibles) e os seareiros da música están de sorte (o cartaz de cada unha das catro xornadas vén completiño, e nada mellor que botarlle unha ollada) senón que tamén os internautas. Segundo vén de facer saber a organización do certame, a rede de fibra óptica terá especial presenza no festival grazas a un protocolo asinado co Instituto Politécnico de Viana do Castelo.
O obxectivo do acordo é facer todo posible por mellorar as comunicacións, os servizos de información vía mensaxes do texto nos móbiles e a posta en marcha dunha canle interna de vídeo do propio festival.
Con este achegamento ao Instituto Politécnico, sinala a organización entrando xa en materia, reforzarase substancialmente a cualidade das solucións postas en xogo, “seja no stand tecnológico onde são disponibilizados dezenas de computadores com acesso grátis à internet para os festivaleiros, seja na zona de imprensa, cujos sistemas de comunicações são assegurados pelo Instituto Politécnico”.
Por certo que este ano o IPVC vai reforzaro sistema de rede sen fíos, o que reforzará en gran medida as opcións de conectarse á Rede na área de campismo. “Vamos levar a alma do IPVC ao festival e iremos ampliar os serviços interactivos com o público”, afirmou o presidente do IPVC, o profesor Rui Teixeira, salientando que, desta maneira, “o politécnico estará envolvido com a região, contribuindo com o seu Know-How”.
Por certo que este ano o certame desenvólvese do 29 de xullo ao 1 de agosto, unha vez máis na praia fluvial do Tabuão.

PUBLICIDADE