Ferrol súmase a Moovit, a innovadora aplicación que optimiza o uso do transporte público

xoves, 17 de decembro do 2015 Redacción

O Concello de Ferrol anunciou esta semana a súa aposta por unha ferramenta informática que permite coñecer os horarios, os itinerarios, as incidencias e os servizos do transporte público da cidade. A aplicación móbil chámase Moovit e, tal e como anunciamos en outubro dende Código Cero, chega finalmente á cidade galega para fornecer un extra importante de eficiencia no transporte ferrolán. Como lembraremos, permite facer cousas como ver imaxes en vivo de como serán os traxectos que nos interesa percorrer ou recibir todo tipo suxestións fiábeis das rutas máis rápidas e cómodas en cada intre.
Segundo fixo saber o Concello de Ferrol, a aposta por Moovit do Goberno local levouse a cabo contando coa colaboración activa de Tranvías de Ferrol, Monbus e FEVE. A aplicación, dixeron, informará dos itinerarios, dos horarios precisos, dos posíbeis adiamentos e das avarías. Prevese que ofreza información en tempo real no primeiro trimestre do ano vindeiro.
En rolda de prensa, presentouse este 16 de decembro a aplicación coa que colaborou a Administración local e que permite dispor de información completa das liñas de autobús e tren entre Ferrol e Ortigueira. Na presentación participou o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, a concelleira de Urbanismo, María Fernández Lemos, o director de Servizos de Tranvías, Jesús Fernández, e Alex Mackenzie Torres, CMO de Moovit.
No contexto que no ocupa (o contexto ferrolán) a aplicación proporciona datos aos usuarios sobre as 482 paradas e as rutas que conforman o transporte público de Ferrol, repartidas entre as liñas de autobús, con Narón e Neda, e a liña de FEVE entre Ferrol e Ortigueira. “Os cidadáns poden planificar os seus traxectos sen perder tempo en esperas e sabendo en todo momento cara a onde se dirixen”, fíxose saber na rolda de prensa, engadindo que “os usuarios estarán en disposición de saber cara a onde se están dirixindo, aínda cando vaian camiñando, ou canto tempo deben agardar polo seguinte transporte”.
Segundo salientou Jesús Fernández os autobuses xa están dotados de sistema de xeolocalización e prevese que nunha segunda fase, no primeiro trimestre de 2016, póidase pór en marcha a información en tempo real.
Esta colaboración establecida dende o Concello, á que Jorge Suárez amosou a súa confianza de que se sume tamén a empresa Arriva, forma parte do “impulso” que dende o Goberno local se lle pretende dar “a todo o transporte público de Ferrol, tanto de autobuses como de servizo ferroviario para tratar que o uso do vehículo privado cada vez sexa menor”. A idea, dixo o rexedor, é dar forma a unha cidade nova máis peonil no centro e mellor interconectada cos barrios. En definitiva, sinalou, “un Ferrol máis habitábel, sostíbel e compacto”.

PUBLICIDADE