Ferrol estreou en novembro nova web de cultura

venres, 1 de decembro do 2023 S. P.

O Concello de Ferrol presentou este mes de novembro a súa nova páxina web de cultura municipal, na que se recollen todos os espectáculos previstos na axenda e outros contidos de carácter permanente. O edil José Antonio Ponte Far, acompañado por persoal técnico da concellería de Cultura e do Centro de Recursos Informáticos (CRI), amosou a nova ferramenta para xestionar e consultar o calendario cultural, ao que se lle dá “un impulso dixital coa modernización da nova páxina web”, dixo, engadindo que a páxina vén optimizada para os diferentes dispositivos (móbil, tableta e PC).
A web ten como dirección www.ferrolcultura.gal e conta tamén cun logotipo engadido á imaxe corporativa característica de Ferrol, co que xa se difunden os programas culturais da cidade.
Segundo explicou o concelleiro, esta nova ferramenta permitirá “non só consultar os espectáculos programados, senón tamén dispoñer de información sobre os centros, realizar trámites como a reserva de espazos, ou difundir proxectos singulares da cidade”. Tamén se habilita un apartado para a reserva e compra de localidades para os espectáculos de programación municipal.
Engadiu que “na nova web confluirán tanto os actos organizados polo Concello como os que programen outros axentes locais, desde establecementos hostaleiros ata colectivos e asociacións”. Outra das novidades é que a páxina poñerá a disposición pública un listado de activos socioculturais (que quixeron adherirse á iniciativa) co obxectivo de facilitar o seu contacto e enderezo.
O espazo foi desenvolvido polo CRI.

PUBLICIDADE