Ferrol estrea nova web de emprego

venres, 29 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Ferrol entregou onte os diplomas do obradoiro Costa Web, impartido durante medio ano no Centro Municipal de Emprego de Catabois. Na cita participaron o alcalde, Jorge Suárez, o concelleiro de Emprego, Álvaro Montes, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro. No transcurso do acto tamén se presentou unha nova web para o fomento da formación e o emprego da cidadanía, concibida e desenvolvida polo alumnado do devandito curso: un total de 16 mozas e mozos. Na súa andaina formativa tiveron oportunidade de adestrarse a fondo en desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web.
O obradoiro foi posíbel grazas á colaboración entre o Concello e a Xunta, que xuntaron forzas para o financiamento da actividade formativa destinada á mellora da empregabilidade. Os 16 participantes comezaron a súa formación no mes de setembro e concluíron en marzo, nun obradoiro intenso tanto na parte da formación teórica como na práctica. O requisito para acceder a este curso de formación e empregabilidade era ter menos de 30 anos e estar inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. A actividade formativa contou cunha achega de 154.000 euros.
Como dixemos, grazas ao obradoiro levouse a cabo a o redeseño da web do Centro de Emprego do Concello de Ferrol (https://www.ferrol.gal/emprego/), en palabras do Goberno local “unha ferramenta fundamental para afondar na promoción do emprego no termo municipal, unha das prioridades do equipo de Goberno ferrolán”.
Na súa intervención, o alcalde Jorge Suárez salientou a calidade do traballo despregado en materia de programación web e destacou tamén “a importancia de colaborar entre administracións públicas para impulsar a formación e a calidade do emprego na nosa comarca”.

PUBLICIDADE