Ferrol e Narón queren ser cidades smart con tecnoloxías e servizos comúns

venres, 20 de maio do 2016 Redacción

O Concello de Ferrol presentou este xoves en Madrid a iniciativa conxunta de Ferrol e Narón en materia smart. O proxecto Ferrol e Narón: da Ilustración ao coñecemento foi dado a coñecer nos seus detalles perante a entidade público-empresarial Red.es, perante a que os ditos concellos queren acadar o 60% do financiamento preciso. O obxectivo do proxecto é acadar unha Cidade Intelixente que abranga ambos termos municipais. O investimento global sería de 7.034.224 euros. En termos concretos, búscanse melloras importantes en eficiencia enerxética, a mobilidade sostible, a participación cidadá e o turismo intelixente a través de plataformas en liña.
O alcalde de Ferrol (Jorge Suárez) fixo saber que “de acadarse esta achega do Ministerio de Industria, o 40% restante, sería a parte que corresponde aos dous concellos da ría para cubrir o seu custe”.
A xuntanza desenvolveuse ao longo da mañá deste xoves 19 nas dependencias da entidade Red.es, na praza Manuel Gómez Moreno, en Madrid. Pola parte de Narón, asistía o concelleiro Manuel Antonio Ramos, concelleiro de Urbanismo, Medio Ambiente e Patrimonio.
Respecto do ámbito da mellora enerxética e a redución da pegada do carbono, o proxecto abrangue accións centradas no seguimento e control da enerxía, a redución dos consumos enerxéticos nos servizos municipais, a redución da pegada de carbono e a mellora do sistema de aparcadoiro en ámbito urbano. Os dous concellos contarían a este respecto cunha plataforma integral de datos (Smart City) que faría posíbel a xestión unificada e integrada dos servizos como o alumeado público, a rega intelixente e a supervisión enerxética nos edificios municipais (e outros que puidesen incorporarse nun futuro), o estacionamento intelixente en superficie ademais da recollida intelixente e selectiva de refugalos ou o sistema de control da calidade da auga para consumo humano. “Todos estes servizos dispoñerán de sensores e dispositivos con capacidade de actuación que serán xestionados desde unha consola integrada”, sinalaron os responsábeis de ámbolos concellos.
No que atinxe a mobilidade sustentábel, búscase garantir que o sistema de transporte responda as necesidades económicas, sociais e ambientais, reducindo ao mínimo as súas repercusións negativas e canalizaríase a través dun Servizo de Información ao Viaxeiro (SIV) centrado no cidadán e na mellora da percepción do transporte público da súa cidade. “Permitiríalle aos cidadáns poden aproveitar máis o transporte público, coñecer en tempo real a chegada dos autobuses e o detalle dos itinerarios e posíbeis incidencias”, explicaron os representantes de Narón e Ferrol.
Polo que respecta a participación cidadá, habilitaríanse as ferramentas tecnolóxicas precisas para “garantir unha participación cidadá real e efectiva con seguridade, integridade e capacidade de verificar as votacións e asegurar a confianza do votante no proceso e os seus resultados de xeito que se poidan formular e votar propostas de Goberno, coñecer as preocupacións dos veciños e procurar novas oportunidades de negocio e emprendemento”. Ademais, empregaríase a información xerada na plataforma para unha maior achega de valor á cidadanía.
En cuestión de turismo intelixente, apostaríase por “desestacionalizar a demanda”, pola sustentabilidade e polo coidado ambiental na mellora continua da calidade do destino. A base disto serían solucións intelixentes para unha xestión óptima.

PUBLICIDADE