Ferrol acolle o 16 de febreiro a nova liga galega First LEGO

xoves, 7 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Volve a edición galega da First LEGO League, que organizan conxuntamente a Universidade da Coruña e Fundación Scientia. Trátase, para quen non o saiba, da convocatoria galega dun programa internacional que desafía a mozos e mozas, de entre 10 e 16 anos, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovábeis (resolvendo estes retos, a xente nova desfruta coa ciencia e a tecnoloxía e capacítase para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación).
Segundo lembra a UDC, a First LEGO é o maior programa internacional para o fomento de vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos. De feito, son máis de 450.000 os estudantes de 98 países de todo o mundo quen participan nesta iniciativa.
A presentación da First LEGO League Galicia celebrarase este venres 8 na sala anexa ao Salón Concepción Arenal do Campus de Ferrol, a partir das 11.00 horas. A competición autonómica en si mesma celebrarase vindeiro sábado 16 de febreiro, a partires das 08:30 horas, no Auditorio de Ferrol.

PUBLICIDADE