Fernando Suárez, á fronte do Departamento de Innovación do Concello de Santiago

martes, 11 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), está dende este mes de xaneiro á fronte do Departamento de Innovación do Concello de Santiago, cargo que compatibiliza coa devandita entidade de profesionais galegos das TI. Como lembraremos, o Departamento de Innovación compostelán é unha iniciativa do propio Concello, posta en marcha de xeito oficial co comezo do ano, que ten entre os seus obxectivos o aliñamento da actividade da Administración local cos obxectivos das Smart Cities. Dito doutro xeito: trátase de preparar o terreo para apuntalar a Santiago como cidade dixital a medio prazo.
Outra das grandes liñas de traballo deste Departamento que dirixe Fernando Suárez, oficina na que está a envorcar a súa longa experiencia en modernización dos servizos e ferramentas do ámbito público, é o fomento da Administración Electrónica. No caso concreto de Santiago, a nova oficina vai facer fincapé en cuestións como visibilidade e transparencia da actividade administrativa e de goberno. Ademais, poranse en xogo múltiples medidas para facilitar a comunicación e implicación coa cidadanía de Santiago, favorecendo iniciativas que redunden na mellora da súa calidade de vida e artellando outras que aseguren meirande rendibilidade enerxética e optimización dos recursos dispoñíbeis.
Xa nun plano máis concreto, o Departamento traballa arestora o proxecto europeo PLEEC (Plan para Cidades Enerxeticamente Eficientes), unha iniciativa financiada polo sétimo Programa Marco da Comisión Europea que ten como obxectivo facerse cunha ferramenta para acadar o aforro e a eficiencia enerxética nas cidades europeas mediante a conexión entre centros de innovación cualificados no sector enerxético coas cidades participantes. Trátase de desenvolver para as cidades un plan de aforro enerxético con impacto positivo no custo mediambiental pero tamén cun claro obxectivo de eficiencia económica no uso de enerxía. O proxecto está formado por 18 entidades de 13 paises da Unión Europea. Entre os socios do proxecto figuran 6 cidades de tamaño mediano de España, Suecia, Reino Unido, Estoniana, Finlandia, 9 universidades e 3 empresas.
Ademais, seguindo co fío das actividades concretas do Departamento, neste intre a oficina que dirixe Fernando Suárez está a traballar en dous proxectos web que ilustran á perfección o cometido do Departamento. Por unha banda, a web Rochaforte.info (páxina da que falamos polo miúdo en Código Cero, que recibiu un importante recoñecemento nos Premios EGANET 2013 e que se dirixe a pór en valor e amosar a longamente agochada historia do Castelo da Rocha en Santiago, unha historia a reivindicar), e pola outra a web dus.santiagodecompostela.org, dirixida a acubillar e achegar información de valor procedente da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible.

PUBLICIDADE