Fernández-Tapias destaca o proxecto dos alumnos vigueses que representarán a España na final da FIRST LEGO League

martes, 11 de abril do 2023 Redacción

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este martes aos alumnos do Colexio Montescatelo que se proclamaron campións da FIRST LEGO League o pasado mes de marzo e que representará a España na final da competición internacional que se disputará o vindeiro mes de xuño en Australia.
“Estamos ante o mellor exemplo do talento da mocidade viguesa e do éxito da incorporación das materias STEM á nova estratexia educativa para achegar materias tan relevantes como as ciencias, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas”, sinalou a representante autonómica tras manter un encontro co equipo que logrou vencer na fase final disputada en Cartaxena.
O equipo do colexio bilingüe Montecastelo en Vigo xa recibira o Primeiro Premio na categoría Challenge o pasado mes de marzo en Burgos. Competiu naquela proba con máis de 250 estudantes, provenientes de 35 centros educativos de Castela e León, A Rioxa, Navarra e Galicia. Os alumnos prepararon o proxecto e deseñaron o robot asesorados polo seu titor, o profesor de tecnoloxía Bernardo Longa.
Xa na final, celebrada na Universidade de Cartaxena o 25 de marzo, o equipo coroouse como gañador do Primeiro Premio ao Proxecto de Innovación. A Fundación Integra outorgou o premio ao equipo polo seu proxecto innovador, Energy Step, que consiste en baldosas intelixentes adaptables a calquera tipo de chan para producir electricidade coa pisada.

PUBLICIDADE