Fene e o INICE enchen o remate de verán de obradoiros TIC para mulleres

mércores, 22 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Fene e o Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas (INICE) están a colaborar na posta en marcha dunhas actividades que introducen á cidadanía nos principais usos e vantaxes das ferramentas dixitais. Máis polo miúdo, trátase duns obradoiros de inicio ás novas tecnoloxías que se dirixen sobre todo a mulleres e que comezan a coller corpo este 28 de agosto, cunha xuntanza informativa no Centro de Servizos Sociais onde se dará conta do programa, dos contidos e das datas previstas de inicio das accións, para as que aínda quedan vacantes.
Segundo lembra o Goberno local, os obradoiros son de balde e teñen o obxectivo de favorecer a empregabilidade, a inserción, a igualdade e o desenvolvemento persoal. Achegaranse recursos e coñecementos de utilidade sobre o correo electrónico, Internet, as redes sociais ou os principais servizos de xeolocalización.
A devandita xuntanza informativa celebraras o martes, 28 de agosto, ás 10 horas, no Centro Municipal de Servizos Sociais (Avenida do Mar, bloque 1, baixo, San Valentín). Os obradoiros, que se impartirán na Aula de Informática do Concello (Avenida de Naturais, 44-entresollado), son os seguintes: Toma de contacto co computador (de 12 horas de duración, celebrarase do 3 ó 12 de setembro en horario de 10 h a 11,30 h); Manexo do correo electrónico (12 horas de duración do 3 ó 12 de setembro de 11,30 a 13 horas); Internet: buscas e descargas (15 horas do 13 ó 26 de setembro de 10,30 a 11,30 h); Coñecendo Google Maps (9 horas do 13 ó 20 de setembro de 11,30 a 13 horas), e Iniciación ás redes sociais (9 horas do 21 ó 28 de setembro de 11,30 a 13 horas).

PUBLICIDADE