Fene aposta polo envellecemento saudábel a través do uso dos teléfonos intelixentes

venres, 10 de febreiro do 2017 Redacción

O Concello de Fene está a organizar actividades para favorecer durante o ano en curso o que se coñece como envellecemento activo a través das novas tecnoloxías da información. Trátase do programa de accións Tardes Activas, un variado feixe de propostas que inclúe entre os seus bloques temáticos a introdución e o manexo das novas ferramentas, co fin de contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e, tamén, a ampliar a súa formación e os seus xeitos de empregar o tempo de lecer. Tardes Activas, que é un programa itinerante, vén da man da Concellaría de Benestar Social e Igualdade de Fene. Prolongarase dende este mes de febreiro até decembro.
As Tardes Activas están estruturadas en catro obradoiros distintos. A veciñanza poderá participar neles de maneira indistinta, “mesmo aínda que non pertenzan á parroquia onde se impartan cando se trate de actividades itinerantes”. Un dos obradoiros trata sobre activación da memoria (“recomendábel para persoas que teñen esquecementos cotiáns”, outro tratará sobre lembranzas (“traballando diferentes funcións cognitivas a través de recordar vivencias”) e outro xirará arredor dos recursos para manter a raia a aparición de demencias.
A última actividade para a veciñanza da terceira idade é un obradoiro para aprender a empregar os teléfonos móbiles intelixentes, cos que, segundo sinala o Concello, “ademais de falar tamén se pode navegar por Internet, acceder ás redes sociais e mesmo dispor de aplicacións moi útiles a partir de certas idades”. O Concello, que lembra que neste caso é necesario que cada persoa leve o seu propio teléfono, sinala que este obradoiro desenvolverase nas mañás dos venres entre as 11 e as 13.00h. a partir do 24 de febreiro. O curso impartirase na aula de formación municipal situada na avenida Naturais de Fene nº 44, entresollado.

PUBLICIDADE