Fene, Mugardos e Neda achegan ás familias un documento con consellos para o acompañamento dixital

xoves, 30 de decembro do 2021 S. P.

O Concello de Fene publicou un documento con consellos para o acompañamento dixital das familias e entidades. Faino ao abeiro do convenio de xestión de compartida que mantén cos Concellos de Mugardos e Neda e a través do cal as administracións locais xuntan forzas para previr condutas aditivas entre a poboación.
O documento en cuestión culmina un ano ateigado de actividades para fomentar un uso racional, útil e enriquecedor das novas ferramentas tecnolóxicas, e nel recóllense recomendacións e recursos de interese a disposición das entidades sociais, as asociacións de nais e pais e os centros escolares.
Balance anual de actividades
Ao abeiro do dito convenio, realizáronse obradoiros dixitais con entidades sociais, persoas adultas e familias nos que se ofertaba un espazo formativo dinámico onde falar sobre as redes sociais e como adaptárense á comunicación dixital coas novas realidades derivadas da pandemia, como aprender a mellorar a seguridade en Internet (revisar termos de privacidade nas diferentes aplicacións que se usan a diario, crear contrasinais seguras, etc.) e como familiarizarse con conceptos de identidade e pegada dixital (co obxectivo de coñecer a información que ten Internet sobre nós e que pegada deixan as nosas accións nas redes).
“Todo isto”, informaron os ditos Concellos, “abordouse tendo en conta as emocións e necesidades que nos espertan os usos das Tecnoloxías da Relación, a Información e a Comunicación e valorando o noso benestar dixital a través dos usos saudábeis e aqueles hábitos ou rutinas que nos poden estar a ocasionar certos riscos na nosa saúde ou seguridade”.

PUBLICIDADE