Femxa galardoada polo seu compromiso coa igualdade nos premios da Fundación Woman Forward
luns, 3 de xullo do 2023
O
grupo galego Femxa, firma pioneira a nivel estatal en formación a
través dos novos formatos e canles (elearning), vén de ser
galardoado pola Fundación Woman Forward como mellor mediana empresa
pola igualdade, no marco da I Clasificación de Empresas pola
Igualdade, que ten o obxectivo de visualizar e reivindicar ás
empresas españolas con mellores políticas neste ámbito, a través
do compromiso das e dos seus CEO (directoras/os executivas/os).
A
entrega do galardón levouse a cabo este venres 30 de xuño na sede
da CEOE (Madrid) e contou coa participación de altos directivos e
directivas das principais empresas e autoridades do mundo
corporativo.
O
acto estivo inaugurado por José Alberto González-Ruiz, secretario
xeral de CEOE, quen salientou “a importancia de promover a
diversidade e a inclusión para lograr un ambiente laboral xusto e
igualitario” e Mirian Izquierdo, presidenta da Fundación Woman
Forward, quen explicou que “esta clasificación visibiliza a CEOs e
empresas que poden ser pancas do cambio e modelos a seguir por
empresas menos convencidas sobre os beneficios da igualdade”.
Avaliáronse
aspectos como a procura de persoal, a selección e o recrutamento, a
promoción, a retribución salarial, a corresponsabilidade e as
medidas de prevención e actuación ante situacións de acoso sexual,
así como a porcentaxe de diversidade de xénero nos postos de máxima
decisión. Os resultados obtidos teñen como obxectivo indicar as
áreas que necesitan cambios e o que se pode facer para mellorar a
xestión da igualdade nas organizacións.
Posteriormente
desenvolveuse unha mesa redonda baixo o título Boas prácticas
identificadas nas empresas pola igualdade, na que Femxa estivo
presente a través da súa presidenta, Patricia García, xunto con
María de La Paz Robina, directora xeral de Michelin España.