Femxa achega un curso de balde sobre produtos multimedia con ampla oferta de contrato

venres, 23 de maio do 2014 Redacción

A empresa galega Grupo Femxa vén de anunciar que a partir de xuño achegará en Vigo un curso de balde con oferta de inserción laboral e Certificado de Profesionalidade para desempregados menores de 30 anos. Este curso, informa a compañía que dirixe Patricia García, “é o colofón a unhas actividades formativas iniciadas hai meses, que se traducirán na contratación de 76 persoas”. A actividade anunciada hoxe xirará arredor do desenvolvemento de produtos editoriais multimedia. Quen o finalice obterá un Certificado de Profesionalidade, que segundo indica Femxa “permitiralle acreditar oficialmente esta formación tanto ante empresas privadas como Administración Pública”.
Amais da devandita acreditación, achegaráselles aos alumnos a posibilidade de acadar “un posto de traballo directo”. Isto significa, engade a empresa galega, “que a metade das persoas que superen con éxito a formación e as súas prácticas en empresa terán un posto de traballo ao finalizar”. Este curso é gratuíto para o alumno xa que están subvencionado ao 100% pola Fundación Tripartita para a Formación no Emprego e o Servizo Público de Emprego Estatal.

PUBLICIDADE