Feliz 2020!

martes, 31 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Un ano máis chega á súa fin, e nós queremos aproveitar a ocasión para amosar a nosa satisfacción por poder ter dado conta da actualidade tecnolóxica de Galicia e o mundo aos nosos fieis lectores, recollendo os temas que consideramos que fosen de interese e axudando de paso a fornecer os contidos dispoñibles na nosa lingua na Rede.
Vivimos un ano de grandes cambios, no que o sector das telecomunicacións recibiu por fin a 5G (tecnoloxía móbil chamada a revolucionar numerosos ámbitos) e a fibra óptica está cada vez máis presente nos fogares a prezos competitivos; as redes sociais non deixaron de rebulir, especialmente dende dispositivos móbiles; os smartphones encartables prometían invadir o mercado, pero a súa chegada vai ser máis pausada do que se pensou inicialmente; Huawei converteuse na grande incerteza do ano por mor da guerra comercial entre EE.UU. e China; o sector dos videoxogos mantivo o seu pulo en grande medida grazas á Nintendo Switch, mentres espera a que o ano que vén chegue unha nova xeración de consolas; e cada día podemos ver máis tecnoloxía nos fogares, de xeito que continuamos a prosperar até un futuro no que as TIC sexan un servizo universal transparente para os usuarios.
Moitos son os retos a superar o ano que vén, e moitos os cambios que viviremos, e dende Código Cero queremos acompañar un ano máis aos nosos lectores nesa viaxe cara adiante, que desexamos que sexa enriquecedora e satisfactoria para todos. Así pois, só nos queda desexar a todos unha feliz entrada de ano e un próspero 2020.

PUBLICIDADE