Feiraco abre unha tenda en liña para conseguir a súa prezada camisola

luns, 13 de novembro do 2023 S. P.

Anunciaba hoxe, luns (13 de novembro), a empresa láctea Feiraco, integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN, a maior cooperativa leiteira de Galicia, con sede no concello coruñés de Ames, que a súa campaña Todo se decide no campo, iniciada hai unhas semanas cunha camisola moi popular e demandada como protagonista facendo que se promovan varias iniciativas para aumentar a posibilidade de facerse cunha.
“Recibimos miles de solicitudes a través de todas as canles posíbeis: redes sociais, por teléfono, correo electrónico, de clientes, provedores... Algunha do máis inusual como un rapaz que, sendo un fiel seareiro do Deportivo, escribíanos para pedir unha camiseta, amosándonos unha fotografía da súa tatuaxe co logotipo de Feiraco. Mesmo nos chegaron peticións desde organizacións financeiras e de camisetas tamaño bebé. Este fervor levounos a realizar unha nova produción de camisetas e a pór en marcha varias iniciativas para que todos os que o desexen poidan conseguila. Ao longo deste mes abriremos unha tenda en liña” -informan desde a láctea-.
“O éxito da camiseta foi tal que até Gadis se puxo en contacto con nós para conseguir algunha para sortear” -salientan-. Así, en colaboración con Gadis, realizarase un sorteo en Instagram e Facebook que estará activo do 13 ao 19 de novembro. Accedendo tanto aos perfís de Feiraco como aos de Gadis, poderase participar nun sorteo de cinco lotes de produtos Feiraco, nos que se inclúe unha camiseta de Todo se decide no campo, unha caixa de leite, un bolso de lona e un estoxo.
Asemade, sortearanse 300 camisetas como as que levan os gandeiros e gandeiras do anuncio entre todas as persoas que merquen unha caixa de seis litros de leite Feiraco. Deberán cubrir un formulario que atoparán na páxina web da firma láctea, nas súas redes sociais e tamén a través dos códigos QR dalgúns supermercados. O sorteo estará activo até o 4 de decembro.
Este fenómeno repítese dun xeito moi semellante ao que aconteceu despois da aparición do actor galego Martiño Rivas coa camiseta verde do Deportivo da Coruña no programa El Hormiguero de Antena 3, o que desencadeou unha auténtica avalancha de peticións.
A xeito de curiosidade dicir que nas tendas de segunda man as ditas prendas encarecéronse, chegando a superar os 200 euros.

PUBLICIDADE