Faro de Vigo pon en marcha unha web de cupóns de descontos: Cuponísimo

martes, 6 de maio do 2014 Redacción

Seguimos a falar de webs de cupóns desconto, e logo de dar conta hoxe da nova aplicación móbil de Oportunista.com, metémonos agora cun novo servizo que comparte algunhas característica pero que presenta a particularidade de ser galego e de potenciar propostas (viaxes, cursos, entradas para eventos culturais, actividades deportivas) que nos tocan de preto xeograficamente falando. Desta volta, a web de descontos vén da man de Faro de Vigo, e ofrécese baixo o sobrenome de Cuponísimo. A idea é ofrecer aos lectores do xornal un amplo abano de posibilidades de lecer a través da Internet e as redes sociais Facebook e Twitter. E todo, indican os responsábeis do servizo, “a prezos incríbeis”, con descontos que poden chegar até o 90%.
A web, que segundo engade o Faro xunta “os mellores plans de Galicia”, baséase en tirar proveito do potencial de compra colectivo para acadar “grandes descontos para todo tipo de propostas, dende beleza e saúde e viaxes, pasando por gastronomía, concertos e actividades deportivas, entre outras moitas cousas”. Para acceder a estas ofertas só é preciso que nos rexistremos no novo servizo web e logo elixir a que mellor se adapte aos nosos gustes. Segundo engaden os promotores da iniciativa, tódolos días ofreceranse ofertas en exclusiva que estarán activas durante unhas poucas horas, “polo que teremos que estar moi atentos para poder gozar delas”. Ademais, tamén poderemos botar man doutra serie de vantaxes, como cursos de formación “e o último en aparellos tecnolóxicos e electrónicos”, tamén con grandes descontos.

PUBLICIDADE