Fan balance das actuacións de espallamento da banda larga na provincia de Lugo

luns, 4 de abril do 2011 Redacción

O presidente da Xunta presentou o Plan de Banda Larga 2010-2013 na cidade de Lugo en febreiro de 2010

Hai pouco máis dun ano o presidente da Xunta presentaba en Lugo o Plan de Banda Larga 2010-2013, e agora fan balance das actuacións na provincia de Lugo, onde arredor de 39.000 habitantes que carecían de cobertura xa teñen acceso á Internet grazas a este Plan que conseguiu estender o servizo de conexión á Rede a case 2.000 núcleos de 39 concellos lugueses.
Para o despregamento das redes de telecomunicacións que posibilitan o acceso á Internet no rural lugués a Xunta realizou un investimento de 4,3 millóns de euros en 2010, iniciándose as actuacións cunha rede WiMAX no sur da provincia, onde era máis urxente atallar a fenda dixital por ser onde existían máis atrancos para o acceso á Internet.
Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Taboada, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Antas de Ulla, Bóveda, Friol, Guntín, Palas de Rei, Monterroso, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria son os concellos nos que en 2010 despregáronse redes sen fíos en 2010 (que reforzaranse en 2011) e a través das que é posible contratar un servizo de acceso á Rede a través de Iberbanda con velocidades de 2 Mbps de velocidade de baixada e 512 Kbps de subida.
Pola contra, en Abadín, Antas de Ulla, Baleira, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito , Guitiriz, Lourenzá, Lugo, Meira, Mondoñedo, Outeiro de Rei, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Portomarín, Sarria, O Saviñao, Sober, Trabada e Xove optouse por instalar redes fixas de alta capacidade a través de Telefónica, de xeito que os veciños desas vilas poden acceder á Rede a velocidades de 6 Mbps de baixada e 640 Kbps de subida.
O operadora público Retegal tamén reforzou as súas infraestruturas de telecomunicacións en Lugo, coa construción de 13 torres de comunicacións e actuacións en 17 centros, superando o 3,5 millóns de euros en investimentos durante 2010 para facilitar que os operadores privados de telecomunicacións poidan proporcionar servizos de acceso á Internet de banda larga.

PUBLICIDADE