Falece o experto en seguridade Kevin Mitnick

xoves, 20 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Nas últimas horas transcendeu aos medios o pasamento de Kevin David Mitnick, de 59 anos de idade, o pasado domingo, vítima dun cancro pancreático co que loitou durante máis dun ano.
Mitnick foi toda unha figura dentro do mundo da seguridade informática, chegando a figurar na listaxe dos máis buscados polo FBI, o que chegou a inspirar un filme de 2000 titulado Takedown (El Asalto Final) no que Skeet Ulrich interpretaba o seu papel, e no que se contaba a persecución dixital por parte de Tsutomu Shinomura que desembocou na detención de Mitnick en 1995 e unha condena de 5 anos de cadea por varios delitos informáticos. A historia tamén foi abordada nun documental de 2001 titulado Freedom Downtime, que en 2004 reeditouse en DVD con material adicional entre o que figura unha entrevista con Mitnick.
Tras cumprir a súa condena, Kevin Mitnick deixou as súas actividades fóra da lei, e converteuse en asesor en seguridade informática, así como tamén escribiu varios libros sobre a materia, como The Art of Deception, no que se centraba na enxeñaría social como método para explotar o elo máis fraco da cadea da seguridade (o elemento humano). Precisamente para falar deste tema visitou en 2003 Galicia, participando no foro e-Gallaecia, onde impartiu un relatorio que foi a actividade máis notable da edición dese ano, acadando grande transcendencia nos medios de comunicación.

O experto Antonio Fernandes saudando a Kevin Mitnick en 2003, cando Fernandez colaboraba con Código Cero nunha sección sobre seguridade informática

PUBLICIDADE