Falece Steve Jobs, o xenio fundador de Apple

xoves, 6 de outubro do 2011 Raquel Noya

Hoxe máis que nunca a Rede está de loito; os internautas, a través das redes sociais, blogs, webs e todas cantas ferramentas teñen á súa disposición, lamentan a morte de Steve Jobs, o xenio fundador de Apple e gurú das novas tecnoloxías, que revolucionou o noso lecer e seguramente as nosas vidas con produtos innovadores como o iPod, o iPad ou o iPhone, e que quedará para a historia como un dos revolucionarios da nosa era.
Esta madrugada Apple, a firma que lle propiciou tanto os mellores como os peores momentos da súa vida profesional, anunciaba a súa morte (aos 56 anos) a través dun comunicado asinado polo consello de administración, no que non especifica a causa do falecemento mais si a súa grandeza como persoa: “a brillantez, a paixón e a enerxía de Steve foron a fonte de incontables innovacións que enriquecen e melloran as nosas vidas. O mundo é enormemente mellor debido a Steve”, afirman.
Tamén Google quixo unirse ás condolencias pola morte do mago das novas tecnoloxías, e na páxina principal do seu buscador inclúe o nome, a data de nacemento e a de falecemento do ex CEO de Apple, para axudarlle aos usuarios a buscar información sobre el.
Deste xeito, ao abrir a páxina do buscador, na parte inferior, debaixo dos botóns habituais de Buscar con Gooble e Vou ter sorte, Google incluíu a ligazón Steve Jobs, 1955-2011, para que, ao premer sobre ela, os usuarios sexan redirixidos á páxina principal de Apple.
Nesta web, protagonista indiscutible hoxe na Rede, podemos ver unha foto de Steve Jobs en homenaxe ao seu cofundador, así como unha mensaxe que os compañeiros da compañía da mazá lle dedican a este emprendedor que se fixo a si mesmo, e que todo o que logrou foi a forza de traballar e innovar: “todos os que tivemos a fortuna de coñecelo e traballar con el perdemos a un querido amigo, a un inspirador mentor”, afirman.
O éxito de Steve Jobs non chegou de casualidade. Certo é que as máis das veces estivo no lugar indicado no momento axeitado, porén, tal e como lembrou nun conmovedor discurso que dou na inauguración do curso académico do 2005 en Stanford, (un ano despois de que lle diagnosticaran o cancro de páncreas), “Woz e máis eu creamos Apple no garaxe de meus pais cando eu só tiña 20 anos; traballamos moito, e en dez anos Apple pasou de ser só nolos dous, a ser unha compañía valorada en 2 millóns de dólares e 4.000 empregados”; compañía que paradoxalmente, o despediría 10 anos máis tarde, levando a Jobs a fundar as firmas Pixar e NeXT, unha especie de “nova Apple” que prometía revolucionar a informática máis aló do que o fixera na súa anterior compañía.
E fíxoo. O mundo da tecnoloxía recibiu a sorpresa do século cando en 1996 se anunciou que Apple compraba NeXT levando a Steve Jobs novamente ao consello de dirección do xigante americano, algo que algunhas revistas de renome deron en chamar “a segunda chegada do salvador”.
Jobs anunciou a súa retirada o pasado mes de agosto, deixando en mans de Tim Cook a dirección executiva da compañía. A súa decisión sacudiu os cimentos de Apple posto que moitas persoas atribúenlle directamente a el os grandes éxitos comerciais da compañía; se están acertados ou non saberémolo agora, a raíz da súa triste morte. Descanse en paz.

PUBLICIDADE