Falar polo móbil pode levar á cadea ós condutores no Reino Unido

martes, 11 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Unha publicación británica chamou a atención sobre as sancións ós condutores que empreguen o móbil ou o navegador GPS no Reino Unido, que podería chegar ós 2 anos de cadea aínda que a multa inicial sexa 60 libras e 3 puntos menos no permiso de conducir.
Segundo parece, dar a entender que se pode rematar na cadea por empregar dispositivos electrónicos durante a condución parece esaxerado, pero no Evening Standard advirten de que a condución perigosa si ten esas sancións elevadas que se poden aplicar en moitos casos, como ilustran con varios exemplos de condenas aplicadas no Reino Unido.
Deste xeito, o mero feito de empregar o móbil si tería a sanción básica, pero de determinarse algunha conduta perigosa por consecuencia desta falta a multa ascendería ás 2.500 libras por conducir sen coidado, ascendendo ós 2 anos de cadea en caso de considerarse temeraria a condución. No caso de que tal acción levase á morte de terceiros tamén sería un importante agravante que levaría ó autor a padecer unha condena de 14 anos de cárcere.
Suponse que estas penas axuden a concienciar ós condutores sobre o perigo que supoñen as distraccións ó volante.

PUBLICIDADE