Facebook xa permite editar comentarios realizados tempo atrás

venres, 22 de xuño do 2012 Raquel Noya

Os usuarios americanos de Facebook son cada vez menos fieis a esta rede social (algo que se poderá perfectamente extrapolar a todo o mundo), segundo os datos extraídos dunha enquisa realizada por Reuters e Ipsus a 1.032 estadounidenses, dos cales, “o 35% admite pasar menos tempo na plataforma que hai seis anos”.
Perante esta “fuga” de seareiros, e os problemas económicos polos que está a pasar a compañía momentaneamente, os seus directivos e persoal técnico vese na obriga de esmagar os miolos para dar coa fórmula que manteña vivo o interese dos seus usuarios; e as ideas non se fixeron agardar.
A última funcionalidade engadida para evitar o cansazo dos usuarios da plataforma é a posibilidade de editar comentarios realizados en calquera momento, e non só no instante como viña permitindo ata o de agora.
A única maneira de modificar calquera palabra, erro ou ligazón publicada no pasado en Facebook, era eliminándoo directamente e realizando un novo; porén a partir de agora, as persoas usuarias desta rede social poderán corrixir o que queiran en calquera momento, editando os seus contidos directamente na caixa que os contén para non “perder” o seu posto na listaxe de comentarios (de ser caso).
Xa que logo, ao lado do antigo botón de “eliminar” aparece agora un de “editar”, que permitirá cambiar erros ortográficos, gramaticais, de coherencia, ou directamente de idioma (se así o desexamos), mantendo a coherencia dos comentarios alleos.
Isto podería axudar a coidar dos nosos ollos, evitándonos ter que ler expresións como: “Con tigo síntome ben...”, “Estou hata o gorro...”, ou “Haber se fago bo dela ...”, entre outros moitos fallos garrafais que danan a vista de xeito preocupante; aínda que a cousa non está tanto en corrixir como en saber que son erros, pois a meirande parte descoñéceo.

PUBLICIDADE