Facebook supera os mil millóns de usuarios exclusivamente móbiles

xoves, 3 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Facebook presentou os seus resultados económicos para o terceiro trimestre de 2016, cuns ingresos totais de 7.011 millóns de dólares, o que supón un incremento interanual do 56%, pero a saúde económica da compañía de Mark Zuckerberg non parece ser o máis importante, senón outros datos que publica a compañía sobre a súa situación actual, que parece ir mellor que nunca con 1.180 millóns de usuarios activos ao día (o que supón un incremento interanual do 17%) e, moi especialmente, 1.090 millóns de usuarios activos ao día dende dispositivos móbiles (un 22% máis que no mesmo período de 2015). Se limitamos os datos a un período mensual falariamos de 1.790 millóns de usuarios activos, dos que 1.660 millóns serían dende o móbil, deixando claro o peso que actualmente ten a mobilidade nas redes sociais.
De feito, este último trimestre podería considerarse histórico, xa que Facebook rexistrou 1.055 millóns de usuarios activos que só usan o móbil para conectarse, dobrando os datos de hai menos de dous anos, e constatando o rol dos smartphones á hora de achegar a Internet aos cidadáns.
Para confirmar a importancia que o contorno móbil ten para Facebook (ámbito que se resistiu durante anos á compañía) deron conta de que os ingresos por publicidade durante o terceiro trimestre do ano corresponderon o 84% a publicidade móbil, cando hai un ano esa proporción era do 78%, demostrando o valor que ten ese tipo de anuncios que tanto tardaron en madurar e que, grazas á banda larga móbil, agora poden adoptar formatos realmente atractivos e eficaces.

PUBLICIDADE