Facebook supera os 500 millóns de usuarios

mércores, 21 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Durante a xornada de hoxe Facebook superou a barreira dos 500 millóns de usuarios en todo o mundo, o que é un momento moi importante para esta plataforma social creada que facilita a comunicación interpersoal e, para celebralo, lanzan unha nova aplicación chamada Facebook Stories e dende a que os usuarios poden compartir as súas historias en Facebook con outros individuos, e que en España foi estreada polo xogador de fútbol Andrés Iniesta, quen dende Fuentealbilla recoñece usar Facebook a diario e comparte co mundo unha anécdota (a súa primeira acción na súa páxina de Facebook tiña coma premio coñecelo en persoa, e recibiu máis de 20.000 respostas).
Dende Facebook tamén queren agradecer aos 500 millóns de usuarios o confiar en eles, de xeito que estrearon unha páxina na que figura un álbum fotográfico no que podemos ver ao persoal da compañía (entre o que figura o seu fundador, Mark Zuckerberg) amosando o seu agradecemento de xeitos divertidos e orixinais.
De manter o ritmo de crecemento actual, Facebook chegaría aos 600 millóns de usuarios activos ao rematar o ano, aínda que parece evidente que nalgún momento o servizo chegará a un punto de inflexión tras o que o número de usuarios estancarase e incluso podería caer (non esquezamos que é difícil reter aos usuarios nun servizo a longo prazo, o que coñeceron polas bravas outras plataformas en liña nos últimos anos).

Os traballadores de Facebook agradecen as contribucións para superar a barreira dos 500 millóns de usuarios activos

PUBLICIDADE