Facebook repasa os temas de máis impacto en 2015

xoves, 10 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Continuamos cos repasos do ano que estamos a deixar atrás, e Facebook publica o seu Year In Review, un resumo do ano 2015 no que dan conta de acontecementos de repercusión global que se fixeron notar especialmente en redes sociais, como as catástrofes naturais, os atentados terroristas, os eventos deportivos, a política, o audiovisual... Temos así que Facebook destaca as eleccións presidenciais dos EE.UU., os atentados en París, a crise dos refuxiados sirios, os sismos no Nepal, a crise da débeda grega, a aprobación do matrimonio homosexual nos EE.UU., o atentado contra Charlie Hebdo, as protestas en Baltimore, o tiroteo en Charleston... temas cunhas perspectiva bastante norteamericana, que podemos explorar a través da páxina web creada por Facebook a tal efecto, destacando algunhas das publicacións máis rechamantes sobre os mesmos. Deste xeito, se miramos información sobre os comicios estadounidenses podemos ler a entrada de Hillary Clinton anunciando a súa intención de ser candidata; ou se exploramos a crise grega tamén podemos atopar a Alexis Tsipras pedindo o voto polo non no seu polémico referendo.

O combate de boxeo entre Mayweather e Pacquiao converteuse nun dos grandes éxitos en redes sociais durante 2015

No ámbito deportivo sorprende ver que os tres líderes de tendencias son Floyd Mayweather, Jr., Manny Pacquiao e Ronda Rousey, ou sexa, figuras do ring, que conseguen desprazar aos ídolos do fútbol e o baloncesto; os artistas máis destacados serían Ed Sheeran, Taylor Swift e Kanye West; a película que acaparou máis atención foi sen dúbida El Despertar de la Fuerza (que aínda se estreará a semana que vén); n osector dos videoxogos as franquías consolidadas dominaron lideradas por FIFA 15, Fallout 4 e Call of Duty: Black Ops 3; e o programa de televisión estrela volve ser Juego de Tronos, seguindo por The Walking Dead, series que demostran a boa saúde da ficción televisiva.

A serie Juego de Tronos foi un dos 10 temas máis destacados en España se atendemos ao seu impacto en Facebook

Facebook tamén achega unha listaxe específica para España, na que podemos ver certa coincidencia cos temas máis destacados globalmente, eliminando dos mesmos os que se limitan a EE.UU. Queda así en primeira posición as eleccións xerais, conseguindo tamén entrar no top 10 as eleccións autonómicas. Os temas destacados en España máis diferentes dos globais entrarían no ámbito do lecer, e serían que a vitoria do FC Barcelona na final da UEFA Champion League, Cristiano Ronaldo gañando o Balón de Ouro e a serie de televisión Juego de Tronos.

Vídeo no que Facebook resume o ano 2015

PUBLICIDADE