Facebook quere mellorar as telecomunicacións terrestres e amosa múltiples aplicacións da intelixencia artificial

mércores, 13 de abril do 2016 Marcus Fernández

O proxecto ARIES podería facilitar as comunicacións en ámbitos coa poboación moi dispersa

Tras a intensa xornada de onte, Facebook continuou a amosar proxectos e desenvolvementos durante a conferencia F8, como o feito de que o Connectivity Lab está a traballar nun abano de novas solucións tecnolóxicas para mellorar a conectividade entre zonas sen servizo ou con comunicacións de baixa calidade, dos que anunciaron dous sistemas terrestres: o Terragraph (unha solución sen fíos para áreas urbanas densamente poboadas, que empregaría a banda dos 60 GHz, o que forza á instalación de nodos cada 200-250 metros) e ARIES (unha investigación de proba de concepto para achegar conectividade a poboacións de baixa densidade).

Con Terragraph podería conseguire solucionar o problema das telecomunicacións en áreas con grande densidade poboacional tirando proveito da banda dos 60 GHz

No ámbito da intelixencia artificial Facebook tamén ten desenvolvementos de interese, para o que montaron unha grande infraestrutura de computación para poder soster sistemas de tradución automática, buscas e imaxes fotográficas, recoñecemento de imaxes de cara ás persoas con eivas visuais (que en vez de dar unha descrición xeral como fan actualmente, podería incluso describir elementos puntuais das fotografías que definen como imaxes falantes) e clasificación de vídeos en tempo real (de xeito que empregarían a visión artificial para poder etiquetar en tempo real os contidos audiovisuais).

A integración dos usuarios na realidade virtual é un dos retos que ten que superar Facebook

E a grande presentación do día para moitos foi a aposta de Facebook pola realidade virtual, polo que deron pistas do que está a facer o seu equipo de Social VR, ou sexa, un grupo de desenvolvedores que está a explorar as posibilidades da realidade virtual para a comunicación interpersoal, que terá que afrontar retos como atopar xeitos de comunicarse mediante a linguaxe corporal e a voz, así como atopar un método axeitado de amosar a presenza dos interlocutores en mundos virtuais.

O equipo de Social VR explora novos xeitos de comunicarnos en contornos de realidade virtual

PUBLICIDADE