Facebook prohibe o uso comercial de perfís de usuario

xoves, 13 de agosto do 2009 Marcus Fernández

As condicións de uso de Facebook xa teñen dado que falar no pasado, pero a última modificación realizada nas mesmas resulta realmente interesante por eliminar a posibilidade de que os seus usuarios utilicen as súas actualizacións de estado con ánimo de lucro, ou sexa, que as novas normas recollen explicitamente que «non poderás usar o teu perfil persoal para obter ganancias comerciais», o que podería ter moitas lecturas, pero nun principio podemos entender que buscan que a xente non venda as súas actualizacións de estado coma espazos publicitarios.
Iso non quere dicir que prohiban as actividades meramente promocionais, senón que iso sería así dende os perfís de usuarios, xa que continúan a existir as páxinas en Facebook que serían a canle máis axeitada para labores comerciais de distinta índole. Poderiamos entender que deste xeito a xente de Facebook procura que os usuarios tomen consciencia de que os perfís corresponden a persoas, mentres que as páxinas corresponderían a empresas, organizacións, partidos políticos ou campañas promocionais, o que supón unha racionalización do servizo, pois parece evidente que a xente non é amiga de este tipo de figuras, polo que cómpre diferenciar amigos de seareiros nesta plataforma de redes sociais.

PUBLICIDADE