Facebook presenta os seus resultados de 2014 confirmando o seu bo ritmo de crecemento

xoves, 29 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Evolución dos ingresos de Facebook en millóns de dólares

Facebook vén de publicar os seus resultados económicos para o último trimestre de 2014, o que permítelles facer un balance moi positivo do ano pasado, xa que a compañía de Mark Zuckerberg conseguiu superar por primeira vez os 10.000 millóns de dólares en ingresos, chegando concretamente a 12.466 millóns de dólares, o que supón un importante avance fronte aos 7.872 millóns de dólares de 2013. No que respecta ao último trimestre do ano, os ingresos foron de 3.851 millóns de dólares fronte aos 2.585 millóns do mesmo período de 2013. Os beneficios operativos de Facebook no último trimestre de 2014 foron de 701 millóns de dólares, pechando un balance anual de 2.940 millóns de dólares, o que case suporía o dobre de beneficios que en 2013.
Pese a eses bos resultados, Zuckerberg lanzou aos accionistas unha clara mensaxe: a compañía non está centrada na obtención de beneficios, polo que continuará a apostar por iniciativas solidarias como Internet.org, de xeito que os investidores que non estean conformes con iso deberían abandonar o capital da empresa.
Pero Facebook non quere destacar só os seus datos económicos nos seus balances, senón que dá máis importancia ao seu volume de usuarios, pechando decembro con 890 millóns de usuarios activos (o que supón un incremento interanual do 18%), destacando especialmente que no móbil conseguiron medrar un 34% até chegar aos 745 millóns de usuarios activos ao día. En balance mensual os resultados son aínda máis impresionantes, con 1.490 millóns de usuarios activos dos que 1.190 millóns corresponderían ao móbil, deixando claro que estamos ante a plataforma social máis importante do mundo e que, pese a estar a chegar a uns niveis de difícil crecemento, consegue manter o pulo.

PUBLICIDADE