Facebook prepara novas funcións para os seus grupos

xoves, 4 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Os grupos de Facebook son unha funcionalidade moi importante da plataforma social de Meta que nos últimos anos perderon bastante pulo, e para que recuperen forza anuncian que van incorporar numerosas características novas para ofrecer unha experiencia máis persoal e mellorar a súa administración.
Para personalizar a experiencia dos grupos os seus administradores poderán personalizar as cores, os fondos da publicacións e as tipografías que presentarán; contarán cun novo botón de publicar para eliminar a necesidade de ir á parte superior da páxina para escribir unha nova publicación; e permitirán crear mensaxes de benvida que recibirán os novos membros, o que poden resultar moi práctico para deixar claras as normas que se aplicarán nos grupos.
Tamén están a probar a posibilidade de crear subgrupos, enfocados a temas específicos, rexións ou ocasións, para que os membros dos grupos teñan máis doado afondar en temas máis específicos. Para a comunicación en tempo real activarán en breve chats comunitarios que estarán presentes en Facebook e Messenger, así como eventos recorrentes que axuden a manter o contacto (de xeito virtual ou en persoa) con regularidade.
Para a administración das comunidades teremos a posibilidade de destacar contidos na parte superior dos grupos; haberá un asistente que realizará suxestións personalizadas; e tamén haberá chats comunitarios para o administrador e o equipo de moderación, que así poderán coordinarse en tempo real.
Pero todos estes elementos que melloran a experiencia dos grupos parecen ser o alicerce para ferramentas de monetización, xa que os grupos poderán contar agora cun sistema de campañas de recadación de fondos, a posibilidade de vender mercadotecnia dentro do grupo, e tamén a posibilidade de crear subgrupos de pagamento (por exemplo, para que certos contidos estean dispoñibles só mediante subscrición).
Os administradores de grupos e páxinas de Facebook tamén poderán gozar dunha nova experiencia unificada para conectar coas súas comunidades, de xeito que ao administrar páxinas poden tirar proveito das ferramentas de moderación dos grupos. Esta nova funcionalidade iniciará as probas a primeiros do ano que vén.

PUBLICIDADE