Facebook permitirá designar a administradores das contas de usuario tras o seu pasamento

xoves, 12 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Durante bastante tempo en Facebook están preocupados pola xestión dalgo tan inevitable como a morte, pois consideraron moi importante establecer mecanismos para facer que o pasamento dos seus usuarios non supuxese directamente a súa desaparición da súa plataforma, á vez que as súas contas non figurasen activas (evitando que, por exemplo, os amigos reciban notificacións de aniversarios de falecidos).
Pouco a pouco van avanzando neste ámbito, e hoxe anuncian que están a introducir nos seus sistemas a posibilidade de elixir unha persoa de contacto para xestionar o noso legado na plataforma social, de xeito que poderemos elixir a un familiar ou amigo para que xestione a nosa conta tras o noso pasamento.
Cando se informe a Facebook do pasamento dun usuario as contas pasarán a un estado conmemorativo, o que permitirá escribir unha entrada na parte superior da súa cronoloxía (por exemplo, para anunciar un servizo fúnebre ou compartir unha mensaxe especail), responder a solicitudes de amizade de parentes e amigos cos que aínda non se conectase en Facebook e actualizar a fotografía de perfil e de portada.
O usuario tamén poderá autorizar ao seu contacto de legado a descargar unha copia das súas fotografías, entradas e información persoal, mentres que o resto de configuracións da conta de Facebook manteranse como estaban (aínda que sendo imposible a identificación do usuario falecido) agás que o usuario decida que a súa conta de usuario de Facebook sexa eliminada permanentemente tras o seu pasamento.
Até o momento Facebook permitía marcar como conmemorativa unha conta de usuario, pero non facilitaba que fose administrada por un terceiro, característica que comezará a aplicarse nos EE.UU. para espallarse logo polo resto do mundo, deixando claro que esta funcionalidade é totalmente opcional.

PUBLICIDADE