Facebook permítenos controlar o uso que fai da información recollida fóra da súa web

mércores, 29 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Tras os numerosos escándalos de privacidade de Facebook denunciouse reiteradamente que a compañía de Mark Zuckerberg non só tiña información dos usuarios dentro de Facebook, senón tamén de moitas outras actividades en páxinas web e servizos alleos que integraban Facebook como xeito de identificación e interacción, e finalmente queren deixar este punto claro e informan sobre o tratamento que fan da actividade fóra de Facebook e do control que permiten ao usuario a través dunha nova sección de configuración que inclúe información das empresas e organizacións que comparten con Facebook as interaccións dos usuarios.
Neste apartado de Facebook poderemos ver unha chea de páxinas web e aplicacións que están a compartir a nosa actividade nelas coa empresa de Zuckerberg, permitíndonos eliminar esa información puntual ou incluso desvincular a actividade fóra de Facebook da conta de usuario e administrar a actividade futura.
Estamos ante unhas opcións bastante superfluas, xa que non afectarán á recollida de datos por parte de Facebook, senón á súa utilización activa, de xeito que ao desconectar a actividade fóra de Facebook o que conseguiremos será que a publicidade dentro da plataforma estea menos optimizada, pero seguiremos a vela, e os servizos nos que nos identifiquemos coa nosa conta de Facebook seguirán remitindo a nosa información de actividade.
Se ben o suposto control sobre os nosos datos que dá Facebook é bastante limitado, o feito de que se informe disto permite concienciar aos usuarios do seguimento ao que todos estamos expostos na Rede, para que así cadaquén poida tomar decisións informadas ao respecto (como empregar navegadores web que protexen a privacidade ou deixar de empregar certas plataformas en liña).

PUBLICIDADE