Facebook merca a firma de recoñecemento de voz Wit.ai

mércores, 7 de xaneiro do 2015 Redacción

A rede social Facebook vén de mercar unha firma centrada no recoñecemento de voz, Wit.ai, fundada hai un ano e medio por Alex Lebrun, Willy Blandin e Laurent Landowsk. Da operación, que en parte salienta por terse centrado na adquisición dunha firma en fase de consolidación, aínda non se coñecen cifras concretas. O que si se sabe, e así o fan saber os responsábeis de Wit.ai dende o blog de seu, é que responde ao interese de Facebook por ampliar o nivel do servizo que achega aos seus 1.300 millóns de usuarios a través dunha plataforma que sexa quen de entender a súa linguaxe natural. Para comezar, a firma mercada terá a súa sede nas dependencias de Facebook en Menlo Park (California). Até o de agora, Wit.ai operaba dende Palo Alto.
Estes e outros detalles, sinalan, non será obstáculo para que a plataforma de seu siga estando aberta e dispoñíbel de balde para todo o mundo. Trátase, por certo, dunha ambiciosa comunidade na que participaron arredor de 6.000 desenvolvedores, sendo o resultado unha plataforma de voz dende o que se ofrecen “centenares de aplicacións e dispositivos”, sinalan os seus responsábeis directos. “Facebook”, sinalan, “ten os recursos e o talento para axudarnos a dar o noso seguinte paso, conectando a meirande cantidade de xente posíbel a través dunha tecnoloxía que entende a linguaxe natural”.

PUBLICIDADE