Facebook leva dous anos inflando o tempo de reprodución dos seus vídeos

venres, 23 de setembro do 2016 Marcus Fernández

The Wall Street Journal vén de confirmar unha sospeita que circulaba polo aire dende hai moito tempo, e que consistía no pouco rigor de Facebook á hora de contabilizar o tempo de reprodución dos seus vídeos, medida de grande interese na publicidade. O tempo de reproducións dos vídeos que leva rexistrando Facebook nos últimos 2 anos estaría moi esaxerado, por inflarse artificialmente ao contar entre os tempos de reprodución só os dos vídeos que superan os 3 segundos de visionado, ou sexa, facendo que os vídeos que practicamente carecen de tempo de reprodución non baixen a media (e este tipo de vídeos son moitos, xa que no móbil os vídeos reprodúcense de xeito automático).
Facebook estaría a informar ás axencias de publicidade de que vai mudar os seus criterios para contar cunha métrica de calidade, ou sexa, que non desbotarán as reproducións breves no cálculo do tempo medio de reprodución. Segundo a axencia Publicis Media o método empregado por Facebook para medir as reproducións estaría a incrementar o tempo de visualización dos vídeos entre un 60 e un 80%, o que claramente é unha marxe de erro inaceptable, especialmente se temos en conta a cantidade de cartos que está a investirse actualmente na publicidade nese formato.
O fallo no cálculo do tempo de consumo de vídeo de Facebook é realmente vergoñento para a compañía de Mark Zuckerberg, por levar bastantes meses presumindo do impresionante crecemento do consumo de vídeo móbil, e o feito de que as medicións estivesen esaxeradas podería provocar unha perda de confianza, especialmente por parte de moitos anunciantes que nos últimos meses optaron por Facebook para colocar os seus anuncios en vez de YouTube, Twitter ou incluso a televisión tradicional, e poderían terse sentido enganados.
Dende Publicis aseguran que é preciso contar cun sistema externo de etiquetaxe e verificación de Facebook, xa que consideran inaceptable que se estivesen a subministrar informes inflados durante 2 anos.

PUBLICIDADE