Facebook integra imaxes GIF no seu sistema de comentarios

xoves, 15 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Aproveitando que hoxe celébrase o 30º aniversario do formato gráfico GIF, dende Facebook quixeron ampliar o seu soporte deste tipo de imaxes que a través da animación consegue reflectir emocións dun xeito moi natural e divertido, de xeito que a partires de agora poderemos inserir imaxes GIF nos comentarios de Facebook na liña do que xa facían plataformas como Twitter dende hai bastante tempo.
As imaxes en formato GIF xa se empregaban con intensidade no Messenger dende 2015, transformando o xeito de comunicarse a través desta ferramenta, tempo no que se intercambiaron preto de 13.000 millóns de GIF e, durante o último ano, o tráfico deste tipo de imaxes está na orde de preto das 25.000 por minuto. Dende Facebook tamén dan conta do feito de que as imaxes GIF foron o xeito máis popular de felicitar o aninovo a través de Messenger, con máis de 400 millóns de GIF enviadas.
A incorporación das imaxes GIF nos comentarios de Facebook é unha opción moi agradecida, pois evita as limitacións dos adhesivos, e permite principalmente unha maior axilidade á hora de localizar unha animación axeitada ao que quere reflectirse, xa que o sistema de publicación de GIF opera a través dun buscador.

PUBLICIDADE