Facebook flexibiliza a súa política de uso de nomes verdadeiros

martes, 15 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Durante moito tempo quedaba claro en Facebook que había que distinguir ben o que eran os perfís de usuario e o que eran as páxinas, de xeito que os perfís tiñan que corresponder expresamente a persoas físicas con nomes reais, o que era todo un problema para moitas persoas que non querían exporse excesivamente na Rede ou que, simplemente, eran máis coñecidos por un alcume que polo seu nome legal e, en vista de que esta política de Facebook estaba a resultar molesta e dificultosa, decidiron flexibilizala.
Ao estar Facebook deseñado como un lugar no que atoparse coa amigos e familiares, resulta evidente a vontade do servizo de ofrecer nomes reais para que os usuarios teñan certa confianza sobre quen é a persoa coa que están a intercambiar comunicacións e contidos, pero para evitar que unha persoa non poidan estar presente en Facebook simplemente por non ter como usuario o seu nome exacto, decidiron mudar o mecanismo para denunciar os nomes falsos, de xeito que agora o proceso conta con varios pasos para dar un contexto á situación (xa que non é o mesmo proceder para cada caso, resultando moi diferente, por exemplo, unha inexactitude que unha suplantación de identidade).
Adicionalmente tamén estrean un novo mecanismo para indicar unha circunstancia especial durante a verificación do seu nome, para axudar ao equipo de Facebook á hora de actuar ante a situación, xa que hai casos de acoso, discriminación sexual ou discriminación étnica que xustifique o uso dun nome diferente ao que figura nos documentos de identificación oficiais.
Polo momento estes dous novos mecanismos están en probas nos EE.UU., tanto na versión móbil como na de escritorio de Facebook, e unha vez que a proben a fondo espallarana internacionalmente, procurando así mellorar o sistema para que cadaquén poida figurar en Facebook co nome co que é recoñecido polos seus amigos e familiares.

PUBLICIDADE