Facebook facilitará a incrustación dos seus contidos públicos no resto da web

mércores, 31 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Dende Facebook continúan a súa teima de replicar as funcionalidades de competidores como Twitter, e hoxe anuncian que están comezando a permitir a incrustación de contidos da súa plataforma no resto da web sempre que estes estean etiquetados como públicos, aínda que inicialmente esta posibilidade está limitada a unha serie de medios que están a colaborar nesta iniciativa (como CNN, Huffington Post, Bleacher Report, PEOPLE e Mashable).
Deste xeito, as entradas publicadas en Facebook poderán contar cunha opción de incrustado, que xera unha liña de código que podemos pegar no noso blog ou páxina web para xerar un recadro co contido que queremos replicar xunto coa interface propia de Facebook que facilita a interacción co mesmo (comentar, compartir ou valorar) e incluso a posibilidade de premer no botón que facilita seguir á páxina que xerou tal contido.
Nas vindeiras semanas poderemos ver como esta nova funcionalidade de Facebook amplíase ao público en xeral, o que fará máis visible o contido de Facebook fóra desta plataforma, á vez que o potencia, ao ampliar o ámbito dende o que pode interactuarse co mesmo.

PUBLICIDADE