Facebook empregará a tecnoloxía de compresión de imaxes de Mozilla

mércores, 16 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Para contribuír a unha mellor experiencia de uso da Internet os navegadores está a adoptar novas tecnoloxías constantemente, que buscan unha maior velocidade, ao que tamén pode contribuír considerablemente a redución do tamaño dos ficheiros a descargar, polo que dende a Fundación Mozilla promoven a mellora dos codificadores de imaxes JPEG (formato considerado o máis axeitado actualmente, xa que as alternativas que están a xurdir non parecen incorporar melloras dabondo para xustificar un novo formato gráfico na web). Para iso lanzaron a versión 2.0 de mozjpeg, unha ferramenta que permite reducir o tamaño de imaxes JPEG sen unha apreciable perda de calidade.
Este algoritmo de compresión de imaxes consegue reducir as JPEG un 5% de media, aínda que nalgúns casos a redución de tamaño é moi significativa.
Este proxecto de Mozilla presentouse ao público o pasado mes de marzo, pero agora conta con maiores apoios, e Facebook anunciou que vai facer uso desta tecnoloxía de compresión de imaxes na súa páxina web, así como o feito de que doará 60.000 dólares para axudar ao desenvolvemento desta tecnoloxía que contribuirá a reducir o tamaño das imaxes na Internet sen comprometer a súa calidade.

PUBLICIDADE