Facebook asegura que contribuíu a crear 230.000 empregos na Unión Europa

mércores, 25 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

Mapa achegado pola rede social no que se reflicte a súa contribución

Semella que A rede social, o filme de David Fincher no que non se deixaba moi ben parado ao creador do Facebook, nin tampouco ao seu produto, non puído botar abaixo as aspiracións da devandita rede social. O caso é que a comunidade de internautas soubo coller de Facebook o seu lado máis vantaxoso, cousa que sen dúbida os responsábeis da ferramenta agradecen. E, senón, botémoslle un ollo ás cifras: segundo un informe de Deloitte reflectido estes días nos medios en liña, Facebook é xa unha máquina de xerar cartos a diversas frontes e máis postos de traballo, chegando a súa contribución ao PIB, só na Unión Europea, aos 15.300 euros.
Asemade, sinálase, contribuíu á creación de máis de 230.000 empregos. As cifras, que hai que coller con pinzas (posto que probablemente sexa imposíbel cuantificar a pegada de Facebook a nivel de xeración de traballo, directa e indirectamente), foron dadas a coñecer en Múnic por Sheryl Sandberg, xefa de operacións da empresa. Segundo este estudo, España achega un 9% dos devanditos postos de traballo e actividade xerados, o que se traduce en 20.000 empregos indirecto e unha pegada de 1.400 millóns sobre o PIB. Para a elaboración do informe, Deloitte incluíu no seu cómputo parámetros como o impacto da rede social na publicidade en liña por país, a posta en marcha de empresas de aplicacións na rede social ou o consumo que os usuarios fan en liñas de banda larga e fixas.

PUBLICIDADE