Facebook anuncia medidas contra os titulares sensacionalistas e escandalosos

xoves, 4 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos anos vimos como unha praga, froito principalmente da falta de cultura de consumo de contidos por parte da grande masa de usuarios que hai actualmente en liña, invadía as redes sociais con informacións de interese moi dubidoso que conseguían relevancia a través de titulares sensacionalistas que esaxeraban a realidade mediante reclamos que seguían unhas fórmulas moi concretas, e conscientes de que este tipo de material empobrece a experiencia de uso, dende Facebook levan moitos meses loitando contra o chamado clickbait, e agora anuncian que están a implantar melloras no sistema que elixe as novas que vemos cando visitamos Facebook para que poida manter o seu carácter comunicativo e non se deturpe por mor das malas prácticas de creadores de contidos sen escrúpulos que saben como levar aos usuarios a facer clic nun titular enganoso ou, cando menos, esaxerado.
Distinguir as historias xenuínas das que son lixo non é unha tarefa doada, pero dende Facebook aseguran que están a esforzarse para promover as primeiras, xa que reciben moitas queixas dos usuarios que atopar demasiados titulares que buscan simplemente que o usuario faga clic sobre os mesmos para conseguir rabuñar algo de tráfico a unha páxina web normalmente cargada de publicidade e carente de contido orixinal.
Unha das cousas que van comezar a controlar dende Facebook son as ligazóns que reciben un rebote rápido (ou sexa, que o usuario volve ao pouco de facer clic ao atopar un contido que non cumpre coas súas expectativas), e tamén intentarán detectar o uso das populares fórmulas de clickbait (como titulares interrogatorios, afirmacións sorprendentes e titulares que claramente non describen o contido ao que ligan) dun xeito semellante a como funcionan os filtros para detectar o correo lixo, de xeito que o material que sospeiten que realice esta práctica perderán posición no fluxo de novas de Facebook.
Dende Facebook tamén advirten que as páxinas que fagan un uso intensivo de clickbait poderán ver como a súa difusión diminúe, xa que os seus titulares terán cada vez un menor impacto, ou sexa, que non serán sancionados, senón que simplemente irán perdendo relevancia se non realizan boas prácticas de publicación.

PUBLICIDADE