Facebook actualizará o seu sistema de mensaxería

luns, 15 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Zuckerberg presentou Facebook Messages

Pese a que nos últimos días distintos medios tecnolóxicos falaban de que Facebook estaba a preparar unha ferramenta de correo electrónico que competiría co Gmail de Google, finalmente Mark Zuckerberg amosou hoxe a renovación do sistema de mensaxería de Facebook, que pretende converterse nunha solución de comunicación máis que poderemos empregar para contactar cos amigos coma hoxe facemos co SMS, o chat ou o correo electrónico, e aínda que Facebok permitirá que os seus usuarios obteñan enderezos rematados en @facebook.com, Facebook Messages non será un servizo de correo electrónico, pois carece de detalles coma o asunto ou as posibilidades de facer copias de carbón, ou sexa, que estaría máis preto da mensaxería instantánea ou do fracasado Google Wave.

O servizo tamén estará accesible dende as versións móbiles de Facebook, facilitando o seu uso coma alternativa ás mensaxes de texto ou ao correo electrónico

Messages organizará as nosas conversas en función das persoas, de xeito que as mensaxes recibidas por SMS, e-mail ou chat rematarán nun único sitio, formando unha conversa única. Aínda que este servizo tamén funcionará como correo electrónico, vai colocar na súa caixa de mensaxes principais aos nosos amigos, de xeito que o resto de mensaxes recibidas irán a un cartafol separado, o que pode servir coma medida anti-spam, aínda que sempre podemos mover as mensaxes dunha persoa que non sexa amiga nosa ao cartafol principal, de xeito que a partires dese momento as súas mensaxes farán o mesmo de xeito automático. Tamén será posible configurar o servizo para que rebote todas as mensaxes que non sexan dos nosos amigos, tendo así certo control sobre as persoas que poden contactar con un.
Nos vindeiros meses veremos cómo Facebook Messages vai espallándose progresivamente entre os distintos usuarios de Facebook, sendo posible solicitar unha invitación para poder comezar pronto a gozar da nova funcionalidade e convidar aos amigos a facer o propio, o que podería provocar unha viralidade semellante ao lanzamento de Gmail.


Vídeo de presentación de Facebook Messages

Messages separa as mensaxes dos nosos amigos do resto

PUBLICIDADE