Facebook Messenger chega aos 500 millóns de usuarios mensuais

martes, 11 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que Facebook mercase WhatsApp a primeiros de ano, a compañía de Mark Zuckerberg asegurou dende o primeiro momento que ían manter ambos negocios separados, como demostraron cando decidiron segregar as funcións de mensaxería das súas aplicacións móbiles, para que os usuarios distinguisen claramente cando estaban a utilizar a plataforma social ou o seu sistema de correo instantáneo, o que parece todo un acerto, xa que agora anuncian que xa teñen máis de 500 millóns de usuarios mensuais de Facebook Messenger.
Este Messenger busca ser unha alternativa ás mensaxes de texto no móbil, que poidan enriquecerse con fotografías, vídeos, adhesivos, conversas en grupo e incluso chamadas de voz (mediante VoIP), dando lugar a un digno competidor tamén para WhatsApp, o que é máis visible nos EE.UU. e outros mercados onde a ferramenta de Brian Acton e Jan Koum non chega practicamente á totalidade de usuarios de smartphones como acontece en España.
Se ben, o chat de Facebook e as súas funcións de mensaxería entre usuarios non era algo novo, o feito de que en dispositivos móbiles adoptase a forma de aplicación independente está axudando a facer visible a cada vez mellor saúde de Facebook no contorno móbil, xa que preto da metade dos usuarios mensuais de Facebook farían uso do seu correo instantáneo móbil, achegándose considerablemente a WhastApp, que ten máis de 600 millóns de usuarios activos ao mes.

PUBLICIDADE