Facebook Connect permite levar as funcións de Facebook a outras páxinas web

martes, 2 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Na súa aposta como plataforma de redes sociais e identidade dixital Facebook transcende a súa propia web a través da plataforma Facebook Connect, que é un novo sistema que permite levar o seu sistema de identificación de usuarios e a súa información asociada a outras páxinas web, de xeito que se evita o rexistro en múltiples webs e se permite aproveitar o tecido social desenvolvido en Facebook.
Nun primeiro momento serán as webs de Discovery Channel, Digg e Hulu as que estrearán esta tecnoloxía en breve, aínda que se temos unha conta de usuario en Facebook tamén podemos ir á web de proba que hai desta nova plataforma, para coñecer o que dá de si.
Facebook Connect está aberto aos desenvolvedores para que o poidan integrar nas súas páxinas web, o que pode non só servir para a identificación dos usuarios (así como ter información actualizada dos mesmos) senón tamén para que promovan o uso das webs que incorporen esta tecnoloxía apoiándose nas relacións establecidas anteriormente polos usuarios a través de Facebook. A relación con Facebook sería recíproca, de xeito que a actividade nas webs que se acollan a Facebook Connect tamén podería aparecer no perfil dos usuarios de Facebook, potenciando a súa presenza en liña.

PUBLICIDADE