FabLab Vigo lánzase a democratizar a impresión en 3D nas cafetarías da nosa terra

mércores, 19 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

FabLab Vigo, obradoiro integrado na Rede de FabLabs Galegas e no tecido global de FabLabs, vai comezar esta semana cunha actividade que “recala” por primeira vez na nosa terra e de maneira gratuíta: a CaffeLab. Trátase dunha proposta que xunta hostalería con tecnoloxías e con espírito de colaboración e experimentación. O primeiro CaffeLab será na Cafetería Sifón, no edificio do Colexio de Arquitectos de Vigo. Achegarase servizo de impresión en 3D, de balde e de xeito permanente (poderemos empregar a impresora habilitada con obxectos precargados par iniciarnos nesta tecnoloxía mentres tomamos un café). En palabras dos organizadores, #CaffeLab é ante todo “un novo formato de fabricación cidadá”.
A intención, por suposto, é que a proposta teña continuidade, prolongación e ramificacións. A idea é ir sumando cafetarías ao CaffeLab ao longo dos meses vindeiros, poñendo a impresión en 3D ao servizo da clientela. No caso da primeira experiencia, “non fará falta que teñamos coñecementos previos sobre estes recursos, só teremos que avisar ao camareiro do que queremos imprimir e el mesmo comentaranos os puntos importantes a ter en conta”. O único que se requiren son tres pasos: inscribirnos na web, elixir o obxecto a imprimir e darlle ao play mentres tomamos unha consumición. Se tiveramos algunha dúbida, a equipa de FabLab Vigo ponse á nosa disposición a través do chat.
Como lembraremos, FabLab Vigo forma parte da rede global de FabLabs, un importante tecido formado arestora por case 60 laboratorios oficiais de emprendedores (arredor de 15.000) repartidos por todos os recantos do mundo e que comeza a ter presenza firme e ampla na nosa terra. E tena a través a través da Rede de FabLabs Galegas, da que forma parte FabLab Vigo, precisamente. Segundo nos contaron hai uns meses dende a factoría viguesa, a súa filosofía baséase en “democratizar as novas tecnoloxías dando a oportunidade á xente sen coñecementos en electrónica de poder utilizar estas ferramentas de maneira doada e de balde”.
A equipa de FabLab Vigo tamén nos contou que no seu ideario básico figura o de ir en contra de calquera localismo. Por esta razón están a impulsar a Rede Galega de FabLabs e as vindeiras sedes de Pontevedra (Facultade de Belas Artes), Ourense (A Molinera), Santiago (Matadoiro) e Lugo (Centro de Artesanía e Deseño).

PUBLICIDADE