FEUGA xunta esta semana os principais proxectos innovadores do sector agroalimentario

luns, 5 de setembro do 2022 S. P.

A sede de FEUGA vaise converter esta semana en marco referencial da innovación agroalimentaria: o punto de encontro dos principais axentes transformadores do sector a nivel galego e estatal. Este xoves 8 de setembro celébrase Va de Agro. Co-innovando no sector agroalimentario e forestal, evento organizado polos grupos operativos AviEnergy, Microalga-Feed, Proteinleg e Tirac e coordinado pola Fundación Empresa-Universidade Galega que reunirá máis de 30 proxectos autonómicos, nacionais e europeos.
A cita contará cun formato “dinámico e interactivo”, en palabras de FEUGA, e estará centrada na presentación de avances e achados para “fomentar a transferencia de resultados ao sector” e “lograr poñer en contacto aos diferentes actores do ámbito para explorar posibilidades de colaboración conxuntas que conduzan á mellora da produtividade e sustentabilidade agrícolas”.
O evento contará cun bloque de relatorios, mesas redondas como espazos de co-innovación e cunha área expositiva onde se poderá coñecer en detalle os distintos proxectos que participan en Vai de Agro.
Nesta área de casetas destacan, entre outros, a presenza do proxecto piloto Bioproinsect, que busca solucións pioneiras no sector da alimentación a base de insectos (os asistentes poderán ver unha mostra da súa granxa e coñecer os traballos que están a realizar para obter do verme da fariña produtos de alto valor engadido para alimentación animal). Nese espazo poderanse observar de primeira man os resultados do Grupo Operativo Proteinleg, que elaborou un substituto de atún de orixe vexetal a base de especies leguminosas. Este proxecto, que aposta polas variedades tradicionais de leguminosas, ten como obxectivo promover alternativas ás proteínas de orixe animal e reducir a dependencia da gandería respecto da soia.
As xornadas abriranse cun ciclo de relatorios que inaugurará a directora xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, Inge Van Oost, que explicará as claves da estratexia europea de innovación en agricultura. Tamén intervirán representantes do Ministerio de Agricultura e da Xunta de Galicia para abordar a importancia da innovación e a xeración de coñecemento no presente e futuro do medio rural, así como os instrumentos e iniciativas públicas para impulsar o medio rural en Galicia.
Os temas centrais que se tratarán no bloque dedicado a espazos de co-innovación serán a redución de antibióticos en gandería; unha alimentación máis sustentábel; a revalorización de subproductos e residuos en agricultura e gandería; e innovación para a conservación da biodiversidade.
A xornada completarase cun xantar networking na área expositiva e visitas demostrativas a proxectos de innovación. En concreto, ás instalacións de Hifas da Terra para observar os avances técnicos de Micoalga-Feed e Greencastanea; e á Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), onde se desenvolven parte das actividades dos proxectos Proteinleg e Algaterra.
Esta xornada conta co financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e a participación e colaboración da Rede Rural Nacional e a Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE