FEUGA trae a Santiago ao economista e experto en innovación Fernando Trías de Bes

luns, 26 de xuño do 2023 S. P.

A Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) organiza unha nova xeira de divulgación do programa Encontro con..., centrada en recursos que nos axuden a emprender e innovar en tempos complexos dende o punto de vista económico. A nova cita será 27 de xuño, ás 12.30 horas, na sede compostelá de FEUGA. O evento estará protagonizado polo economista, escritor internacional e experto en innovación Fernando Trías de Bes.
Durante unha hora analizará a situación económica baixo o epígrafe Xestionar e innovar en tempos de inflación. Ao longo do seu relatorio tratará, non só a situación actual, senón que expoñerá as expectativas de futuro que se abren, sempre contando coa súa experiencia no ámbito da innovación.
En palabras de FEUGA, o encontro “permitirá coñecer a visión dun dos principais economistas españois e escritor internacional, tanto de ensaios económicos e empresariais como de ficción”. As súas constantes investigacións nos ámbitos da economía e a sociedade, prosegue a fundación, “fan de Trías de Bes un referente en innovación disruptiva e un dos maiores expertos españois en todo o relacionado co management das novas organizacións”. Os seus libros foron traducidos a un total de 40 idiomas e leva vendidos máis de cinco millóns de copias entre todos os seus títulos. É, ademais, o único co-autor español onda Philip Kotler, o gurú mundial da nova mercadotecnia.

PUBLICIDADE