FEUGA lanza un Innovation Camp para impulsar o emprendemento feminino en comunicación científica

martes, 5 de abril do 2022 S. P.

Ao abeiro do proxecto europeo de igualdade e innovación Equals-EU, a fundación FEUGA vén de lanzar unha iniciativa para fomentar o emprendemento feminino en comunicación científica. Trátase do Innovation Camp previsto para o vindeiro 28 de abril en Santiago de Compostela. O programa de actividades previstas porá o foco na procura do potencial emprendedor de mulleres, mozas, persoas non binarias e transxénero. Farao baixo o título Mulleres emprendedoras e líderes en comunicación científica. Esta iniciativa forma parte dunha serie de hackathons e innovation camps organizados en dúas ducias países no marco do devandito proxecto europeo Equals-EU.
A xornada contará coa presenza de Eva Cabanelas Dopazo (doutora veterinaria e profesora de ciencias) e María de la Fuente (directora executiva de Diversa), que serán as encargadas de expor cadansúas experiencias como expertas no ámbito.
As solucións achegadas polas participantes serán valoradas por un xurado composto por Silvia López Ben (Axencia Galega de Innovación, GAIN), Eva López (USC-Emprendia) e Carolina Lodeiro (Wayna Consultora).
Os criterios de avaliación serán: o traballo en equipo, a relevancia da solución, a inclusión de xénero, a funcionalidade da solución e o estudo de mercado.
O equipo gañador terá acceso directo a un programa de incubación durante 2022 e os resultados dos eventos incluiranse nun conxunto de solucións que buscarán crear unha folla de ruta para promover a innovación en materia de inclusión de xénero.
Os 24 equipos gañadores dos eventos Equals-EU en toda Europa recibirán a oportunidade de desenvolver a súa idea nunha startup mediante mentorado e formación. O prazo de inscrición para o Innovation Camp xa está aberto.
Equals-EU (Regional Partnership for Gender Equality in the Dixital Age) é un proxecto internacional executado por 19 socios do proxecto de Europa e fóra dela baixo o liderado da Universidade Metropolitana de Oslo. Comezou en xaneiro de 2021 e concluirá en decembro de 2023. O proxecto está financiado polo Programa Marco Horizonte 2020 da UE.

PUBLICIDADE