FEUGA acollerá un curso sobre as principais ferramentas para a colaboración

martes, 29 de marzo do 2016 Redacción

A Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), con sede en Santiago de Compostela, vai organizar un curso o 26 de maio baixo o título Coñece as principais ferramentas colaborativas que mellorarán a comunicación e produtividade do teu equipo. Con esta actividade preténdese amosar cales son as ferramentas de maior utilidade para construír a contorna colaborativa e dixital que un equipo ou empresa precisan. Estas ferramentas ben empregadas poden supor melloras para as organizacións: na comunicación e na calidade, incremento da eficiencia e da produtividade, aforro de custos e mesmo aumento da motivación.
Os asistentes a este curso terán a oportunidade de coñecer de primeira man as funcionalidades das principais ferramentas colaborativas, permitíndolles seleccionar de maneira axeitada aquelas que mellor encaixen na súa organización.
Traballarase con: Trello, Basecamp, Leankit Kanban, Slack e Project Online para mellorar a produtividade e comunicación empresarial. En canto a ferramentas de almacenamento na nube, Sharepoint, Dropbox e Onedrive.
Esta actividade está encamiñada a calquera profesional que queira mellorar a produtividade dos seus equipos, departamentos e/ou organizacións; a directores, mandos intermedios e responsábeis de equipos e proxectos; así como integrantes de equipos de proxectos que busquen mellorar a súa comunicación interna e/ou externa con clientes, colaboradores e/ou provedores.
Os obxectivos deste curso son: dispor dunha visión global e completa das funcionalidades das principais ferramentas colaborativas, coñecer criterios de selección que nos permitan elixir entre elas as que mellor encaixen coa nosa organización, aprender a empregar ferramentas colaborativas de maneira óptima na contorna empresarial e mellorar a comunicación e produtividade da nosa organización en base ao uso deste tipo de ferramentas.
A data límite de inscrición para este obradoiro é o 18 de maio de 2016 e o prezo da matrícula 295 euros. O curso terá lugar na sede compostelá da FEUGA con horario de 9 a 14:30 e de 16.00 a 18:30 horas.

PUBLICIDADE